Friday 19 de April de 2024

A Xunta adxudica por case 1,2M€ o contrato da nova planta de transferencia de residuos de Curtis


— A futura instalación, que virá a substituír á microplanta actual, dará servizo a Curtis, Sobrado dos Monxes e Vilasantar, aínda que poderá ampliarse a outros 15 municipios

— As obras permitirán aumentar a capacidade da planta ata as 17.000 toneladas anuais, así como mellorar a eficiencia e a funcionalidade, xa que poderá transvasar os residuos procedentes de tres contedores: amarelo, xenérico e marrón

— Coa súa posta en marcha, prevista para o próximo verán, integrarase na rede de infraestruturas impulsada pola Xunta e conformada por 17 instalacións para achegar a valorización da materia orgánica á maioría dos municipios adheridos a Sogama

A Xunta de Galicia, a través de Sogama, vén de adxudicar o contrato para a construción da nova planta de transferencia en Curtis á UTE ATE Cartago, por un importe de 1.195.361,45 euros (IVE incluído).

A futura instalación, que substituirá á microplanta que actualmente está en funcionamento neste concello coruñés, gañará en capacidade —chegando ata as 17.000 toneladas anuais—, eficiencia e funcionalidade, xa que, ademais de transvasar na mesma as fraccións de residuos correspondentes ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e contedor xenérico (fracción resto), poderá acoller a materia orgánica recollida no seu momento a través do contedor marrón.

Se ben dará servizo inicialmente aos concellos de Sobrado dos Monxes e Vilasantar, ademais do de Curtis, estará a disposición doutros 15 municipios. Ademais, a planta incorporarase á rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para que a meirande parte dos concellos adscritos a Sogama poidan acceder á valorización dos residuos orgánicos e conten cunha instalación de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km.

Neste sentido, cómpre recordar que os entes locais dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón e, aínda que se trata dunha competencia municipal, a Xunta axudaralles a cumprir coas súas obrigas legais.

Para isto, habilitará unha rede conformada por catro plantas de biorresiduos —Cerceda, xa en funcionamento; Cervo (Lugo); Vilanova de Arousa (Pontevedra); e Verín (Ourense)— ás que destinará un investimento de aproximadamente 38 millóns de euros, contando cun cofinanciamento dos Fondos FEDER de 30 millóns.

Estas instalacións estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia, entre elas a de Curtis, que contará cunha tolva específica para o transvase do lixo orgánico, que se transportará á planta de compostaxe máis próxima.

Polo tanto, serán 17 as instalacións que conformarán esta ambiciosa infraestrutura, prevendo que entren en funcionamento a finais do ano 2022. No caso da planta de Curtis, estímase que estará operativa con anterioridade, probablemente o próximo verán.

Características do novo complexo
A futura planta localizarase no polígono industrial de Teixeiro, nunha parcela de case 8.000 m2. Contará cunha nave de 600 m2, unha zona verde de aproximadamente 1.300 m2 e estará equipada cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento para os propios contedores, un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén.

Así mesmo, alimentarase con enerxía solar, a través de paneis fotovoltaicos, fomentando deste xeito o autoconsumo das instalacións a través do aproveitamento de enerxías renovables.